A PRINCESA CAPRICHOSA
Naceu unha vez nun reino,
non moi distante, por certo,
unha fermosa princesa
máis bonita ca un pexego.
Foi medrando a criatura
entre coidados e mecos,
pois era a única nena
e os avós non tiñan netos.
Facíanlle tantos regalos
de xoguetes e bonecos
que case que rebordaban
polas fiestras do castelo.
Con tantas pantominadas
e mais lambonadas a eito
fíxose “repunante”
máis revirada có demo.
Xa as primeiras palabriñas
que dixo este naipelo
non foron “papa” nin “mama”
senón “meu, meu” e “eu quero”.
Se non lle satisfacían
o máis simple dos desexos
collía tal perrenchiña
que ata tremía o castelo.
Fíxose moi presumida,
tiña vestidos a centos.
Zapatos, varios milleiros.
Era o terror dos espellos.
Como tiña tantas cousas,
de puro aborrecemento,
dixo cando a peiteaban:
“Un piollo é o que eu quero”.
A doncela, moi lixeira,
antes de aturar os berros,
foi buscar un bo piollo
entre as guedellas dun neno.
A princesa, moi contenta,
foi levalo de paseo,
fíxolle mil garatuxas
e preparoulle un bo leito.
Deulle moitas chuminadas
e quilos de caramelos.
Xa parecía un bocoi,
pero nunca estaba cheo.
Foi o conto que os xoguetes
que había no castelo
non lle eran suficientes,
pois gustáballe rompelos.
E coa roupa da princesa
fixo miles de modelos.
Combinou capas con saias
e rachounas polo medio.
O único que repetía
mentres estragaba arreo
era a frase da princesa:
“É meu, é meu” e “eu quero”.
Tantas canfurniadas fixo,
tanto estragou este demo
que a princesa moi tristeira
tivo que pedir consello.
Os seus pais viron que a filla
xa levara un escarmento
e acordaron decontado
poñerlle ó asunto remedio.
Prepararían churrasco
coas costelas daquel becho
e co resto da carniña,
guiso “pra” chupar os dedos.
Mandaron ó cociñeiro,
mentres durmía o elemento,
matalo coma a un porquiño
sen que ceibase un lamento.
Lamento non o botou
mais si un ronquido tremendo,
que espantou o pobre home,
que case mexa co medo.
Con tanto ruído espertou
aquel piollo rabecho.
Viulle as orellas ó lobo,
non o pensou un momento.
Dando chimpos escapou
en procura doutro reino
e no País dos Xigantes
atopou o seu sustento.
Foi na cabeza dun conde,
que nunca lavaba o pelo
onde viviu para sempre
xunto con máis compañeiros.
A princesa caprichosa
xa non dixo tanto “eu quero”,
Fíxose algo xenerosa
incluso cos outros nenos.
Os papás tende coidado
“pra” que non vos pase o mesmo.
Non debedes darlles todo
o que pidan ós pequenos.
Pois pensades que criades
fermosas nenas e nenos
e piollos ben rabechos
é o que ó final teremos.
E vós, nenos que escoitastes
esta historia tan atentos,
non fan falla tantas cousas
“para” vivirmos ben contentos.
CANCIÓNS
PAN DE MILLO
SE PAN DE MILLO VAS MERENDAR
MIRA O TRABALLO QUE HAI DETRÁS
SE PAN DE MILLO VAS MERENDAR
MIRA O TRABALLO QUE HAI DETRÁS
HAI QUE PLANTAR
HAI QUE ESPERAR
LOGO NACER
E ESFOLLAR (BIS)
SE PAN DE MILLO...
HAI QUE GARDAR
HAI QUE DEBULLAR
LOGO MOER
E PENEIRAR (BIS)
SE PAN DE MILLO...
HAI QUE AMASAR
HAI QUE FURAR
LOGO COCER
E A PAPAR. (BIS)
¡ÑAM, ÑAM, ÑAM, ÑAM!
COMPAÑEIRA, SEI TOCARE
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” o “bombeiro”.
¿Como se toca o “bombeiro”?
Pomporrompón, o “bombeiro”.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” o tamborileiro.
¿Como se toca o tamborileiro?
Racataplán, o tamborileiro,
pomporrompón, o “bombeiro”.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” o pandeiro.
¿Como se toca o pandeiro?
Tantarantán, o pandeiro,
pomporrompón, o “bombeiro”
racataplán, o tamborileiro.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” a pandeireta.
¿Como se toca a pandeireta?
Trequeletré, a pandeireta,
pomporrompón, o “bombeiro”
racataplán, o tamborileiro,
tantarantán, o pandeiro.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” as cunchiñas.
¿Como se tocan as cunchiñas?
Chascarraschás, as cunchiñas,
pomporrompón, o “bombeiro”,
racataplán, o tamborileiro,
tantarantán, o pandeiro,
trequeletré, a pandeireta.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” a gaitiña.
¿Como se toca a gaitiña?
Tirulirulí, a gaitiña,
pomporrompón, o “bombeiro”
racataplán, o tamborileiro,
tantarantán, o pandeiro,
trequeletré, a pandeireta,
chascarraschás, as cunchiñas.
Compañeira, sei “tocare”.
Compañeiro, ¿que sabes “tocare”?
Sei “tocare” a requinta.
¿Como se toca a requinta?
Tirulirulá, a requinta,
pomporrompón, o “bombeiro”
racataplán, o tamborileiro,
tantarantán, o pandeiro,
trequeletré, a pandeireta,
chascarraschás, as cunchiñas.
tirulirulí, a gaitiña.
Compañeiro, se sabes “tocare”...
Compañeira, sei “tocare”.
...toca logo o silandeiro.
¿Como se toca o silandeiro?
Chiss, chiss, o silandeiro,
chiss, chiss, o “bombeiro”
chiss, chiss, o tamborileiro,
chiss, chiss, o pandeiro,
chiss, chiss, a pandeireta,
chiss, chiss, as cunchiñas,
chiss, chiss, a gaitiña,
chiss, chiss, a requinta,
chiss, chiss, ai la le lo,
chiss, chiss, ai la la lo.
EU TEÑO UN CANCIÑO
E eu teño un canciño,
miña nai ten dous
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
xa lles fala ós bois. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten tres
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
xa fala o francés. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten catro
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
colle nun burato. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten cinco
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
anda dando brincos. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten seis
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
vai cantar os reis. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten sete
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
aínda ten chupete. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten oito
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
chimpoulle un biscoito. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten nove
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
baila cando chove. (Bis).
E eu teño un canciño,
miña nai ten dez
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
e o máis pequeniño aila, la,
vai “pra” a cama ás dez. (Bis).
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
Etiquetas
- ANIMACIÓN Á LECTURA (1)
- EDUCACIÓN INFANTIL (1)
- ENCONTRO CO ESCRITOR ANTONIO REIGOSA (1)
- ENLACES DE INTERÉS (1)
- LENDAS ILUSTRADAS POR PRIMEIRO CICLO DE EDUCACIÓN PRIMARIA (1)
- LETRAS GALEGAS 2008 (1)
- LETRAS GALEGAS 2009 (1)
- LETRAS GALEGAS 2009:MATERIAL DIDÁCTICO SOBRE RAMÓN pIÑEIRO (1)
- LETRAS GALEGAS 2014:XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO (1)
- OS MÁIS PEQUENOS PLANTAMOS UNHA CEPA NO PATIO (1)
- PRIMEIRO CICLO (1)
- REVISTA CHORIMA 2009 (1)
- SEGUNDO CICLO (1)
- TEATRO MIGALLAS: Camiño de Historias (1)
- TRÍPTICOS (1)
- TÍTERES NO CEIP XOÁN DE REQUEIXO (1)
- XOGO SOBRE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ (1)