AS COBRAS DE SOBRECEDO

Outro dos mitos localízase na veciña parroquia taboadesa de Sobrecedo. É neste lugar onde os veciños falaban das Cobras que roldaban pola Ribeira Sacra: “as cobras cando son vellas, claro que voaban... E andaban derredor, mordían o rabo, enroscábanse, tirábanse pola ribeira ou polos montes... Eu nunca as vin, sempre se dixo, contan iso...”.
Estes seres eran a representación do mal e contábase que chegaban a alcanzar tamaños extraordinarios. Segundo a crenza popular estaban emparentadas cos cantos e as serpes que gardaban tesouros nas covas; eran a representación de moitos dos medos e temores das xentes da zona

O APÓSTOLO SANTIAGO

O apóstolo tamén deixou na nosa comarca unha fonda pegada. Dúas son as lendas que sobre este santo perduraron na memoria de moitos dos habitantes do municipio e cuxos relatos din así:
Estando o santo de paso polo lugar de Santiago da Riba, ollaba con tranquilidade dende o seu fermoso cabalo como as xentes se adicaban as labores da sega e do abancado das muras. Entrementres, chega ós seus oídos que a Virxe María tan só está cuberta por unha estopa de liño. Non o dubida, ten que actuar de inmediato. O primeiro que pensa é en vender o seu cabalo para dotar á Virxe dunha vestimenta acorde co seu rango. Para elo ten en mente dirixirse cara a vila de Monterroso e acometer tal pensamento. Pero os veciños de Santiago da Riba non o deixan e para subsanar o problema da Santa Nai deciden: “poxar vagos, xuntar cen canados, e poñer á Virxe guapa e churrusqueira”.
A segunda das lendas ou tradición piedosa, versa sobre o Castelo e Pazo de Chantada . O mandato que Xesús encomendara ós seus apóstolos unha vez resucitado despois da súa cruenta morte na cruz fora o de expandir as súas ensinanzas por todo o mundo. En cumplimento de tal tarefa, o apóstolo Santiago dirixiuse cara España.
Tras un longo percorrido chegou a terras do noso municipio atopándose no seu camiño cun poderoso señor da época: o propietario do castelo e pazo Chantada. Segundo se cre, conseguiu que o señor deste castelo e a súa familia se convertesen ó cristianismo. Deste xeito, o señor adoptou como brasón aquel no que figuraban cinco cruces sen cabeza (Tau) que sería o primitivo escudo dos Fernández de Temes.

A XACIA DE CHOUZÁN

Existe no río Miño unha raza de seres chamados xacios, que se refuxian nos profundos pozos de devandito río.
Estes seres acuáticos coñécense co nome de xacias, presentan a forma humana; así é que o mesmo viven no interior do referido castro que nas augas do Miño.
Pescando ás beiras de devandito río, un veciño do lugar de Marce viu unha xacia, bela e fermosísima, a cal manifestou ao pescador que, se a bautizaba quedaría desencantada e casaría con el. Bautizouna o pescador e casaron.
Os fillos que naceron deste matrimonio eran moi afecionados a bañarse ni Miño, regatos e cantos tanques de auga existen no citado lugar .
En certa ocasión pola súa excesiva tendencia ao baño, díxolles: marchádevos de aquí fillos dunha xacia!
E ó chegar á casa discutiu coa súa dona.
Aborrecida a xacia do seu marido, abandonouno e volveu ao río; pero os seus connaturais descuartizárona .
O seu marido foi undía na súa busca e, observou que, nas abas do Castro de Castro de Marce, flotaban sobre as augas as entrañas da que fora a súa muller.
Os xacios matárona por bautizarse.

A PENA DE EROSA

Unha das lendas que percorre o municipio de Chantada é a da Pena de Erosa . Este lugar, sito na freguesía de Santa Baia de Adá, ten nas súas inmediacións unhas curiosas penedas enclavadas na marxe esquerda da antiga estrada que unía Monforte de Lemos con Lalín. Das mesmas existen multitude de interpretacións e lendas pero hai unha en concreto que co tempo adquiriu maior relevancia; a día de hoxe é a máis estendida entre os do lugar.
A lenda cóntanos que unha moura, que portaba na súa cabeza unha inmensa pedra, era perseguida con tremenda ansia; no seu camiño atopouse de súpeto cunha gran peneda que a nosa protagonista identificou como base para sobre da mesma colocar a que levaba na cabeza. Deste xeito xurdiu unha curiosa composición pétrea que aínda hoxe podemos contemplar moi preto de Erosa.